A Deputación de Lugo renova o seu apoio á Semana Santa e ao Belén de Viveiro

AMariñaXa
Dúas citas culturais e turísticas que consolidan o impacto económico e social na Mariña lucense
PSOE-Deputacion-Reunion-de-traballo-2025
1 Oct 2025

A Deputación de Lugo confirmou recentemente que continuará respaldando dúas das citas máis destacadas da cidade de Viveiro: o Belén con figuras a tamaño real “Viveiro Ante o Berce” e a Semana Santa, eventos que supoñen un importante motor cultural, social, turístico e económico para o municipio e a comarca da Mariña.

Segundo explicou a asesora de Presidencia, María Loureiro, este apoio mantense tras varias reunións co presidente da Deputación, José Tomé Roca, co obxectivo de garantir a continuidade de dúas iniciativas que cada ano atraen a milleiros de visitantes. “Ambas citas supoñen un motor económico para o municipio e para a súa contorna, cun retorno directo nos sectores da hostalaría, do comercio e dos servizos. O apoio da Deputación de Lugo a estas dúas citas está máis que xustificado, porque representan unha tradición, un patrimonio cultural e tamén un motor económico para toda a provincia. O noso compromiso con Viveiro e coa Mariña segue intacto”, destacou o mandatario provincial.

Desde a institución recordan que, como en calquera outro Concello da provincia, será o propio Concello de Viveiro quen deba solicitar formalmente estas axudas, acompañando a petición cunha memoria detallada das necesidades. Este trámite permite á Deputación avaliar e tramitar as achegas de forma transparente, rigorosa e conforme á normativa vixente.

A Semana Santa de Viveiro, declarada no ano 2013 Festa de Interese Turístico Internacional, está considerada unha das celebracións relixiosas máis antigas e importantes de Galicia. Destacan por seu valor artístico numerosos pasos, entre os que se inclúen a Última Cea (1808), o Encontro, o Vía Crucis ou a procesión da Soidade, coñecida como a dos Caladiños.

Pola súa banda, o Belén con figuras a tamaño real “Viveiro Ante o Berce” exhibe un cento de imaxes que reproducen tanto escenas do nacemento de Xesús como momentos da vida cotiá dunha vila tradicional. A súa magnitude, a calidade das pezas e a localización no casco histórico de Viveiro converten este Belén nun dos principais atractivos turísticos do Nadal en Galicia.

Con este respaldo, a Deputación reafirma o seu compromiso con Viveiro e coa Mariña, non só como garantía de conservación das tradicións culturais, senón tamén como estímulo para a economía local e o desenvolvemento do turismo na provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.092706918716431