A Deputación de Lugo reforza con 15.000 euros o labor da Asociación Saúde Mental A Mariña

AMariñaXa
O convenio garante a continuidade da atención no centro de rehabilitación psicosocial e laboral de Burela, que ofrece servizo diario a 25 persoas
BURELA-Sinatura-convenio-Saude-Mental-A-Marina-2025
19 Aug 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado Rivero, formalizaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración que supón unha achega económica de 15.000 euros. Este apoio permitirá dar continuidade ao traballo que se desenvolve no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, un dos sete recursos cos que conta a entidade na comarca, e que atende cada día a 25 persoas usuarias.

Durante a sinatura, José Tomé puxo en valor a labor desta asociación na mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias. O mandatario provincial incidiu tamén “na importancia de seguir avanzando na integración social e no apoio constante a un colectivo que precisa dunha atención especializada e continuada”.

A achega da institución provincial servirá para cubrir gastos de funcionamento do centro, que ofrece atención de luns a venres a través de programas de rehabilitación psicosocial e prelaboral. Estes inclúen obradoiros de pintura, arteterapia, estimulación cognitiva, informática ou costura adaptada, ademais de atención psicolóxica individual e grupal, terapia familiar, actividades de vida diaria e mellora das habilidades sociais. Un conxunto de intervencións que garante unha atención integral e personalizada, favorece a autonomía e proporciona tamén apoio ás familias.

A Asociación Saúde Mental A Mariña leva en activo desde 1999 e actualmente atende de maneira directa arredor de 150 persoas. Dispón de sete dispositivos especializados en distintos concellos, entre eles os centros de rehabilitación de Burela, Ribadeo e Viveiro, unha unidade residencial, unha residencia resort, un piso protexido e unha vivenda tutelada destinada a mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental. A entidade consolidouse como un referente en saúde mental comunitaria, tanto na provincia de Lugo como no conxunto de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.12665796279907