A Deputación de Lugo promove a apertura de mercados para as empresas da provincia en Latinoamérica

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na apertura dunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), que se celebrou no club náutico de Ribadeo co obxectivo de impulsar a internacionalización das empresas da provincia en Latinoamérica. A iniciativa contou coa presenza do Cónsul de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, Ramiro Rodríguez Bausero, e do director xeral de Antea Group en España e Latinoamérica, Fernando Illanes Álvarez.
Durante o acto, José Tomé subliñou que “a Deputación súmase a esta proposta coa firme convicción de que apoiar a proxección exterior das pemes e persoas autónomas é esencial para fortalecer a economía lucense”. Salientou que “nun contexto globalizado, explorar novos mercados non é só unha oportunidade, senón unha obriga”.
O presidente provincial puxo o foco sobre Uruguai como un destino estratéxico para os intereses galegos. “Trátase dun país que ofrece estabilidade política, seguridade xurídica e unha democracia consolidada. Ademais, mantén con España unha relación comercial fluída e reforzada por acordos bilaterais que favorecen os investimentos e protexen os intereses empresariais”, explicou.
Sinalou tamén que sectores como as enerxías renovables, a banca, o turismo, os servizos dixitais ou as infraestruturas presentan un gran potencial para as empresas da provincia. “Lugo conta con talento, innovación e capacidade para competir con garantías máis alá das nosas fronteiras”, engadiu.
Esta xornada constitúe, segundo Tomé, un paso previo á misión empresarial que está a prepararse para despois do verán e que levará a empresarios lucenses a Uruguai e Arxentina. A viaxe tamén contará co respaldo institucional da Deputación de Lugo, co fin de seguir ampliando oportunidades comerciais e estratéxicas para o tecido económico provincial.