A Deputación de Lugo licita melloras en tres vías provinciais ao seu paso por Xove por máis de 818.000 euros

A Deputación de Lugo vén de dar un novo impulso ás melloras da rede viaria provincial no Concello de Xove ao aprobar a licitación de obras por un importe total de 818.403,65 euros. A institución provincial lembra que estas actuacións forman parte do acordo de colaboración asinado co municipio mariñán para a cesión das dez vías de titularidade provincial situadas no termo municipal, pacto que incluía o compromiso de arranxar previamente catro delas.
As obras agora licitadas corresponden a tres das estradas incluídas nese convenio. Na LU-P-2601, que conecta a LU-862 co Portiño de Moras, intervirase nun tramo de algo máis de dous quilómetros —entre os puntos 2,850 e 5,285—, deixando a práctica totalidade da vía acondicionada. Na LU-P-2604, que une a LU-862 con Valcarría a través de Monte, mellorarase un treito de máis de tres quilómetros desde o inicio da estrada, entre o punto 0 e o 3,140. Pola súa banda, na LU-P-2605, que discorre entre A Tronca e Tarolo por Vila, os traballos executaranse nos primeiros case tres quilómetros, do punto 0 ao 2,700.
A actuación prevista inclúe a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Unha vez que se inicien os traballos, o prazo estimado de execución será de nove meses.
A deputada García Porto salientou que esta licitación constitúe “o primeiro paso para cumprir co acordo asinado con Xove, no que nos comprometemos a mellorar e ceder estas vías nun prazo de catro anos”, ao tempo que destacou a utilidade destas intervencións para garantir a seguridade e o bo estado das comunicacións no municipio.