A Deputación de Lugo lanza novos cursos gratuítos de dixitalización en Rinlo, Vilaselán e Cedofeita

A Deputación de Lugo abriu o prazo de inscrición para unha nova serie de cursos gratuítos destinados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía. As formacións desenvolveranse en novembro e decembro nas escolas de Rinlo, Vilaselán e Cedofeita, e abarcan desde o manexo de certificados dixitais ata aplicacións de Google e primeiros pasos co teléfono móbil.
O curso “Google e as súas aplicacións”, que incluirá ferramentas como Google Maps, Gmail, Calendario, Drive e Fotos, terá lugar na Escola de Rinlo en varias datas entre o 20 de outubro e o 1 de decembro, en horario de 17:00 a 19:00 horas. O prazo para inscribirse remata o 5 de outubro.
Para aqueles que queiran aprender a utilizar o teléfono móbil, o curso “O teléfono móbil, primeiros pasos” impartirase na Escola de Vilaselán entre o 20 de novembro e o 9 de decembro, tamén en horario de 17:00 a 19:00 horas. A inscrición estará aberta ata o 5 de novembro.
Finalmente, o curso sobre “Sinatura dixital, Ch@ve 365 e certificados varios, así como aplicacións de Sergas e Facenda” desenvolverase na Escola de Cedofeita entre o 1 e o 17 de decembro, con horario de 17:00 a 19:00 horas, e o prazo de inscrición remata o 17 de novembro.
As persoas interesadas poden reservar praza chamando aos teléfonos 982 260 075, 679 549 522 ou 646 857 614, por correo electrónico en eparadixitalizarse@deputacionlugo.org ou a través da web https://yparadigitalizarselugo.com. Toda a información e os formularios tamén están dispoñibles na páxina web do Concello.