A Deputación de Lugo impulsa unha nova edición do Festival Aturuxo de Bravos en Ourol

AMariñaXa
O encontro celebrarase os días 18 e 19 de xullo en Ourol con artistas como Belém Tajes ou Sonoro Maxín
Ourol-Presentacion-Festival-Aturuxo-de-Bravos
15 Jun 2025

A décimo terceira edición do Festival Aturuxo de Bravos xa está en marcha e terá lugar os días 18 e 19 de xullo no concello de Ourol, converténdose un ano máis nun referente musical e cultural da Mariña lucense. O anuncio oficial tivo lugar este sábado na Sacabeira, en Sargadelos (Cervo), coa participación da deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, e da presidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros, Carmen Rivera Vidal, entidade organizadora do evento.

A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso coa cultura local aportando 5.000 euros para apoiar a organización dun festival que leva máis dunha década contribuíndo á dinamización do territorio e á difusión da música galega e alternativa. A programación desta nova edición inclúe actuacións de artistas como Sonoro Maxín, Belém Tajes, Filophóbicas e Zeltia Irevire, entre outros nomes destacados.

Dende a organización subliñan que o festival non é só unha cita musical, senón tamén un punto de encontro para a expresión artística, a reivindicación da cultura galega e o disfrute comunitario, con actividades pensadas para todos os públicos.

O Festival Aturuxo de Bravos, que naceu como unha iniciativa veciñal e cultural de base, mantén o seu espírito combativo, rural e inclusivo, e nesta nova edición aspira a seguir medrando sen perder a súa identidade.

⚙ Configurar cookies
0.17537713050842