A Deputación de Lugo impulsa melloras clave en Ourol cun investimento de preto de 250.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde este venres a un novo convenio de colaboración co Concello de Ourol, a través do cal se destinarán case 250.000 euros a proxectos que incidirán directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Segundo explicou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, unha das intervencións máis destacadas será a renovación da cuberta do pavillón polideportivo municipal e a substitución dos vidros da súa fachada principal, cun orzamento de 140.000 euros. Estas melloras permitirán dotar á instalación dun mellor illamento térmico e acústico, incrementando tanto a seguridade como o confort dos usuarios e usuarias.
O acordo contempla tamén un investimento de 61.000 euros para modernizar o sistema de abastecemento de auga no núcleo do Cargadoiro, na parroquia do Sisto. A obra consistirá na instalación de novas tubaxes de alta densidade que garantan un subministro máis eficiente e sostible para os residentes da zona.
Noutra liña de actuación, reservaranse 46.000 euros para pavimentar os accesos á estación de tratamento de auga potable de Besteburiz, na parroquia de Miñotos, e 12.000 euros adicionais destinaranse á mellora das instalacións de tratamento de augas residuais tanto neste núcleo como no lugar de Xan Blanco.
García Porto salientou que este tipo de acordos “reafirman o compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos lucenses, co obxectivo de reforzar os servizos públicos e garantir o desenvolvemento equilibrado de todo o territorio provincial”.