A Deputación de Lugo impulsa a renovación integral do parque infantil da Praza dos Fornos na Pontenova

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, visitaron a Praza dos Fornos para comprobar de primeira man o resultado das obras de ampliación e mellora do seu parque infantil. A intervención, que supón unha transformación significativa deste espazo público, realizouse grazas a un investimento de 65.000 euros procedentes dos 115.000 euros que a institución provincial destinou ao Concello mediante un convenio que incluía tamén actuacións na rede viaria de Souto de Mogos, na parroquia de Conforto.
Tomé subliñou durante a visita que “a Deputación é o Concello dos concellos, e demostrámolo con feitos cada día”, incidindo en que esta remodelación non sería posible sen o apoio provincial. Recordou que se trata da única área de xogos do núcleo urbano pontenovés e remarcou que “un parque infantil non é só un lugar para a rapazada, senón un punto de encontro para as familias e para a veciñanza”. O presidente tamén puxo en valor o impacto económico da intervención: “con esta mellora, contribuímos a facer máis atractiva unha praza fundamental para o desenvolvemento turístico da Pontenova”.
A achega provincial permitiu construír un novo parque infantil cuberto, cunha estrutura de madeira e lousa pensada para nenos e nenas de entre 0 e 6 anos. Esta nova zona intégrase á área xa existente, que foi renovada mediante a substitución do pavimento e dos distintos elementos de xogo.
Tomé lembrou ademais que a Deputación acaba de asinar outro convenio co Concello da Pontenova por un importe de 250.000 euros, destinado a diversas actuacións, entre elas a humanización da contorna do aparcadoiro desta mesma praza, cun investimento superior aos 140.000 euros. Nos últimos anos, a institución provincial leva investidos máis de 6,5 millóns de euros no municipio pontenovés.