A Deputación de Lugo impulsa a renovación da contorna da Escola de Música e da Casa da Xuventude de Burela

AMariñaXa
O proxecto, cun investimento de 273.000 euros, transformará o espazo con zonas verdes, xogos, porche exterior e melloras nos accesos
Burela-Deputacion-mellora-exterior-da-Casa-da-Xuventude-2025
22 Aug 2025

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a remodelación integral do exterior da Escola Municipal de Música e da Casa da Xuventude de Burela, situada na rúa Cancelo. O convenio de colaboración co Concello quedou aprobado este venres en Xunta de Goberno e suporá un investimento de 273.000 euros.

O deputado provincial de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, xunto co tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, presentaron os detalles dunha actuación que busca modernizar a contorna e crear novas opcións de lecer para a mocidade.

A iniciativa contempla a habilitación dun espazo de esparexemento na parte traseira do edificio, que contará con áreas axardinadas, mobiliario urbano e materiais de xogo. Ademais, renovarase o pavimento da entrada e da fachada sur, incorporaranse zonas verdes con áreas de descanso, unha mesa de teqball e aparcadoiros para bicicletas.

Na parte posterior, prevese a instalación de bancos, así como a construción dun porche que permitirá dispoñer dun espazo cuberto para actividades ao aire libre. Tamén se mellorarán os accesos mediante novas escaleiras e unha rampa de máis de cinco metros de lonxitude.

O proxecto inclúe a renovación da instalación eléctrica, o sistema de recollida de augas pluviais e a colocación de novas luminarias. Do mesmo xeito, prevese o recebado e pintado das superficies de bloque e dos muros de formigón, así como a retirada do peche perimetral, o que permitirá abrir máis o edificio á rúa.

Mario Pillado destacou que a intervención responde ao Plan de Infancia, Adolescencia e Xuventude do Concello, co obxectivo de “crear espazos atractivos que animen á rapazada a participar nas actividades e a sentir este lugar como propio”.

Pola súa parte, Daniel García puxo en valor “a aposta do goberno local por situar a mocidade no centro das políticas municipais, nun concello que conta cunha das maiores porcentaxes de poboación menor de vinte anos da provincia”. O deputado provincial subliñou tamén a relevancia de “dotar á xente nova de espazos públicos de calidade que favorezan a socialización e a participación comunitaria”.

A obra, que mantén a esencia da distribución do inmoble dos anos noventa cando funcionaba como escola infantil, terá un prazo de execución estimado de catro meses, unha vez licitada polo Concello.

⚙ Configurar cookies
0.1763870716095