A Deputación de Lugo e a Federación Galega de Comercio organizan a campaña Regala en Nadal, Merca en Local

Foz
LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O 14 de decembro a festa será en Monforte de Lemos; o 18 de decembro en Foz e o 19 de decembro será en Lugo
Merca-en-Local-Nadal-Deputación-de-Lugo
4 Dec 2024

A Deputación de Lugo e a Federación Galega de Comercio poñen en marcha a campaña Regala en Nadal, Merca en Local, unha iniciativa para fortalecer o comercio de proximidade, fomentar o consumo responsable e impulsar a economía local durante unha das tempadas festivas máis importante en vendas do ano.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentaron a iniciativa, á que a institución provincial achega 50.000 euros.

Pablo Rivera destacou durante a presentación que esta campaña enmárcase no compromiso da Deputación de apoiar accións “que fortalecen o tecido comercial da provincia, buscando dinamizar as vilas, impulsar o consumo responsable e premiar a fidelidade dos consumidores que apostan polo local”.

Nese sentido, sinalou que “o comercio local é moito máis que unha actividade económica e que mercar na tenda de sempre é apostar polo futuro das nosas vilas, polas familias que con esforzo e ilusión manteñen viva a nosa economía local”.

Enmarcou esta campaña no compromiso do Goberno provincial por fortalecer o tecido comercial da provincia e dinamizar as economías locais durante unha das épocas de maior consumo do ano. "Cada euro que gastemos no comercio local é unha inversión nos nosos concellos”, sinalou o deputado.

Pola súa parte, José María Seijas agradeceu o apoio da Deputación ao comercio local. "A campaña busca concienciar aos consumidores sobre a importancia de apoiar aos nosos pequenos comercios, que representan o 40 % da facturación anual dos negocios”. Subliñou que “é unha oportunidade para dinamizar a economía das vilas da provincia, promovendo un ambiente festivo e alegre", e resaltou “a importancia de mercar nos comercios locais fronte a outros formatos comerciais”.

Xornadas de animación familiar e sorteos

Regala en Nadal, Merca en Local inclúe a celebración de tres festas de temática navideña e animación familiar en diferentes localidades da provincia.

Desenvolveranse actividades de animación, actuacións infantís, música, unha chocolatada e sorteos en directo de tarxetas prepago por un total de ata 3.000 euros, cun total de 4.500 euros en premios por localidade.

O 14 de decembro a festa terá lugar na Praza de España de Monforte de Lemos; o 18 de decembro a cita desenvolverase na Praza Conde Fontao de Foz; e finalmente, o 19 de decembro, Lugo acollerá esta xornada festiva na Praza Maior. En todos os casos, estas festas do comercio local arrancarán ás 17.00 horas.

Para participar nos sorteos, os consumidores deberán presentar tíckets de compra de 10 euros ou máis, realizados en comercios locais durante o mes de decembro.

Cada un poderá ser cambiado por un boleto para participar nos sorteos de tarxetas prepago: ás 18.00 horas a tarxeta prepago de 500 euros; ás 19.00 horas, a tarxeta prepago de 1.000 euros; e ás 20.00 horas, a tarxeta prepago de 3.000 euros.

Cada localidade repartirá un total de 4.500 euros en premios e os afortunados deberán gastar as tarxetas prepago nunha única xornada de compras nos comercios de proximidade da localidade que elixan dentro da provincia de Lugo. A data límite para realizar as compras será o 30 de decembro de 2024.

0.16383504867554