A Deputación de Lugo destina 250.000 euros a melloras en servizos sociais e accesos de Trabada

A Deputación de Lugo e o Concello de Trabada veñen de rubricar un acordo que supón un investimento de 250.000 euros para impulsar melloras en servizos sociais e na mobilidade do municipio. O convenio foi asinado no Pazo de San Marcos polo presidente provincial, José Tomé Roca, e o alcalde trabadense, Rubén García Freije.
Segundo informou a institución provincial, a achega económica permitirá actuar en tres centros sociais que atenden a preto de 200 veciños e veciñas. No de Vilaformán, os traballos consistirán na reparación da envolvente, con selado de fendas, impermeabilización da cornixa e aplicación dunha capa protectora de pintura, ademais da instalación de canlóns e baixantes. Pola súa parte, no de Vilapena prevese unha demolición parcial do edificio, a ampliación da explanada exterior e a renovación do peche, da fachada e do interior. Finalmente, no centro da Fórnea ampliarase a explanada co obxectivo de facilitar o aproveitamento do espazo nas datas festivas e nas reunións comunitarias.
Este último núcleo tamén se beneficiará dunha renovación do seu parque infantil. O proxecto contempla o desbroce e limpeza da parcela, así como a substitución dos xogos e do caucho da superficie para garantir maior seguridade ás crianzas usuarias.
Ademais, o convenio inclúe actuacións de mellora en dous puntos de Sante. En Louro, arranxarase o firme de máis de medio quilómetro de estrada, mentres que en Vilarbetote acondicionaranse dous camiños e catro ramais que suman un total de 1,4 quilómetros.
Deste xeito, a colaboración entre Deputación e Concello permitirá, segundo subliñou a institución provincial, “mellorar a calidade de vida da veciñanza de Trabada a través de investimentos que chegan a diferentes parroquias e ámbitos do municipio”.