A Deputación de Lugo destina 250.000 euros á mellora de 18 camiños rurais en Alfoz

AMariñaXa
O convenio asinado por José Tomé e Cándido Paleo permitirá acondicionar máis de once quilómetros de vías en oito das nove parroquias do municipio
ALFOZ-Convenio-Deputacion-2025
11 Oct 2025

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Tenente de Alcaldesa de Alfoz, Cándido Paleo Rejes, formalizaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo que a institución provincial financiará con 250.000 euros un total de dezaoito actuacións na rede viaria deste concello mariñán. No acto, celebrado na Sala de Xuntas, participou tamén a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda Paz.

“Somos o Concello dos concellos, esa é a idea que vertebra toda a nosa acción de Goberno”, destacou Tomé durante a sinatura, engadindo que “acordos como este permiten que Alfoz mellore de maneira notable a conectividade en oito das súas nove parroquias”. En total, as obras permitirán o arranxo de 11,2 quilómetros de estradas, o que suporá un salto cualitativo nas comunicacións e na seguridade viaria do municipio.

O convenio permitirá actuar en varios puntos do termo municipal. Na parroquia de Carballido, mellorarase o entorno do circuíto de motocrós (749 metros), o acceso ao lugar da Agüeira (510 metros) e o tramo que comunica con Adelán, onde se arranxarán 1,16 quilómetros. Tamén nesta última parroquia de Adelán, rehabilitaranse 2,13 quilómetros do camiño das Anduriñas.

Entre as parroquias de Mor e Reirado acometerase a mellora do camiño que vai desde a estrada provincial LU-P-0207 ata o Liñar (477 metros), así como outro no Penido. En Bacoi acondicionaranse 331 metros dun camiño no Gorvidal, mentres que en Lagoa se mellorarán dous treitos: un en Lavanco (477 metros) e outro en Lameiro (134 metros).

Na parroquia das Oiras prevese o acondicionamento de 264 metros en Insua Nova e 250 metros noutro camiño na Trabada. Finalmente, no Pereiro realizaranse seis actuacións: no Rubeiro (187 metros), na Pesquita (648 metros), na vía que conecta a LU-P-6306 con Faián (975 metros), en Ferradás (636 metros), no Celeirote (487 metros) e en Celeiro Vello (765 metros).

As obras consistirán na limpeza de cunetas, mellora do firme e, segundo as características de cada zona, na apertura da caixa da estrada, rasanteo e compactado con base de zahorra ou bacheo puntual. O obxectivo é garantir a durabilidade das vías e facilitar o tránsito tanto veciñal como agrícola.

José Tomé subliñou que factores como o uso intensivo da maquinaria agraria, as condicións meteorolóxicas e o paso do tempo “deterioran as estradas do rural e, moitas veces, os concellos máis pequenos non dispoñen do orzamento necesario para acometer este tipo de melloras”. Nesa liña, incidiu en que “esta colaboración da Deputación non só é importante desde o punto de vista económico, senón tamén humano, porque contribúe directamente a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.070239067077637