A Deputación de Lugo destina 10.000 euros ao refuxio de animais de O Valadouro-Alfoz

AMariñaXa
O convenio permitirá garantir a atención de 30 cans e gatos e cubrir os gastos de funcionamento das instalacións
canceira-cans-protectora-animais
10 Sep 2025

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio coa presidenta da Asociación Protectora de Animais O Valadouro-Alfoz, Lucía López Tallón, que permitirá achegar 10.000 euros para o mantemento do refuxio comarcal con capacidade para acoller 30 cans e gatos.

A achega económica da institución provincial súmase a arredor de 1.000 euros de fondos propios da entidade e destinarase á alimentación dos animais, gastos veterinarios, asesoramento fiscal e contable, pólizas de seguro, servizos de desinfección, así como á limpeza e ao mantemento diario das instalacións.

Tomé Roca destacou que esta colaboración vai máis alá da protección animal. “Aquí estamos a facer unha inversión en benestar social, saúde pública, educación e sustentabilidade”, afirmou. O presidente provincial subliñou que “as protectoras de animais desenvolven unha función que repercute en toda a comunidade: garanten seguridade e salubridade, transmiten valores de respecto e responsabilidade e contribúen ao desenvolvemento sostible da sociedade”.

O refuxio, situado na parroquia de Santa Cruz, no Valadouro, atende ás necesidades dos municipios do Valadouro, Alfoz, Muras e Lourenzá. Desde a súa construción no ano 2018 con fondos da propia Deputación, converteuse nun recurso esencial para a comarca, consolidando unha rede de instalacións que mellora a capacidade de resposta fronte ao abandono animal e reforza a atención no territorio mariñán.

⚙ Configurar cookies
0.19841384887695