A Deputación de Lugo desminte ao PP e aclara o cobro por unha actuación de emerxencia en Mondoñedo

AMariñaXa
A institución provincial sinala que o servizo foi prestado polo Consorcio de Bombeiros e lembra que ela mesma tamén resultou damnificada polas inundacións
Pazo-San-Marcos-Lugo
19 May 2025

A Deputación de Lugo saíu ao paso das acusacións lanzadas polo Partido Popular en relación co cobro dunha intervención de emerxencia no núcleo de Santa María Maior, en Mondoñedo, e quixo aclarar publicamente varios aspectos ante a “manipulación informativa” promovida polos populares.

En primeiro lugar, lembra que o cobro do servizo non é unha decisión política nin extraordinaria, senón unha práctica ordinaria do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento, xestionado conxuntamente pola Deputación e a Xunta de Galicia. Este cobro responde aos custes xerados por unha intervención realizada nunha propiedade privada, segundo o estipulado nas ordenanzas vixentes.

A Deputación tamén quixo deixar claro que non é a responsable da inundación sufrida na zona, senón unha das partes afectadas. Apunta que a orixe do problema podería estar relacionada con actuacións da Xunta de Galicia na súa estrada autonómica, así como coa construción dun parque eólico que alterou o curso natural das augas, dirixíndoas cara ao núcleo poboacional. A rede de drenaxe provincial, explican, viuse superada por un caudal que non está deseñada para asumir.

Ademais, a institución provincial insiste en que, malia non ter competencias directas nesta materia, leva anos colaborando e advertindo da situación a entidades como o Concello de Mondoñedo e Augas de Galicia. Lembran que se realizaron visitas técnicas conxuntas para tentar buscar solucións, pero que ata o momento non se acometeron as actuacións necesarias.

Por todo isto, a Deputación de Lugo considera “irresponsable e inxusto” que o PP trate de politizar este asunto, ocultando información e manipulando á cidadanía. “Os veciños e veciñas de Mondoñedo merecen solucións reais, non discursos interesados nin falsidades que xeren confusión”, conclúen desde a institución.

⚙ Configurar cookies
0.15556907653809