A Deputación de Lugo asumirá o 100 % do financiamento da residencia de maiores de Ribadeo

AMariñaXa
Concello e institución provincial asinan un convenio polo que a Deputación cubrirá integramente o custo do servizo
RIBADEO-convenio-residencia-Deputación-e-Concello-2026
6 Mar 2026

O Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo formalizaron un convenio mediante o que a institución provincial asumirá a partir de agora o financiamento total da residencia de maiores do municipio. O acordo supón un cambio relevante na xestión económica deste servizo, xa que ata o momento o seu custo era compartido entre ambas administracións.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que coa sinatura deste documento a Deputación pasará a cubrir a totalidade do gasto que xera o funcionamento da residencia. “Hoxe firmamos un convenio coa Deputación que a partir de agora vai pasar a financiar o 100% da nosa residencia de maiores. Ata o de agora unha parte era asumida pola Deputación e outra polo Concello”, indicou o rexedor.

Segundo destacou o alcalde, este paso representa un acordo positivo para o municipio e responde a unha liña de colaboración institucional que considera necesaria para garantir servizos públicos básicos. Vega agradeceu a disposición mostrada pola presidenta da Deputación, Carmela López, e polo deputado Pablo Rivera, por facilitar esta fórmula de financiamento.

“Cremos que é un bo convenio e que vai na dirección correcta. A Deputación tiña que implicarse neste servizo esencial e agradecemos que se entenda a importancia de colaborar cos concellos”, sinalou o rexedor ribadense.

Vega tamén puxo en valor o papel das distintas administracións á hora de contribuír ao financiamento de servizos sociais que teñen un impacto directo na vida da veciñanza. Neste sentido, lembrou que recentemente a Xunta de Galicia anunciou tamén unha maior achega económica ao Servizo de Axuda no Fogar, o que permitirá reducir a parte do orzamento que deben asumir os concellos.

Para o alcalde, este tipo de decisións permiten ás administracións locais liberar recursos que poden destinarse a outras necesidades do municipio. “Os concellos temos que xestionar os nosos recursos e tamén traballar para atraer máis financiamento doutros organismos, porque moitas veces asumimos servizos que non son competencia directa municipal”, apuntou.

O rexedor destacou que o novo convenio sitúa no centro a atención ás persoas maiores e reforza o compromiso coas políticas de benestar social. “A Deputación asinou hoxe un bo acordo, poñendo no centro ás persoas e os servizos básicos, que son fundamentais para Ribadeo”, afirmou.

Finalmente, Dani Vega subliñou que o goberno municipal continuará traballando nesta liña de colaboración institucional co obxectivo de conseguir máis recursos para o municipio e garantir a continuidade de servizos considerados esenciais para a cidadanía.

0.13917589187622