A Deputación de Lugo apoia o Centro de Día da Fundación Eu Son con 3.000 euros

AMariñaXa
O convenio asinado por José Tomé e Carmela López permitirá financiar parte dos gastos de funcionamento e garantir a atención integral ás persoas con discapacidade intelectual na Mariña lucense
BURELA-Convenio-Fundacion-Eu-Son-2025
7 Oct 2025

A Deputación de Lugo, representada polo seu presidente, José Tomé Roca, e a Fundación Eu Son, presidida por Carmela López Moreno —tamén alcaldesa de Burela e deputada provincial— asinaron recentemente un convenio de colaboración que achega 3.000 euros para apoiar o funcionamento do Centro de Día que xestiona a Fundación.

Tomé destacou que “Eu Son leva anos preocupándose pola atención e o benestar das persoas con discapacidade intelectual, ofrecendo servizos esenciais que melloran a súa calidade de vida e favorecen a inclusión social. Este Centro de Día, en funcionamento desde 2012, atende usuarios e usuarias de municipios como Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada, Foz, Barreiros, Xove, Cervo e Burela”.

O presidente provincial subliñou que coa achega da Deputación “asumimos o 50% dos custes de funcionamento, incluíndo seguros das instalacións, equipamento, servizo de limpeza, teléfono e gastos correntes de luz”.

O Centro de Día ofrece atención diaria de luns a venres, prestando servizos nos ámbitos de coidados persoais e atención individualizada, así como seguimento da saúde, como o control da medicación. Ademais, desenvolve obradoiros terapéuticos, actividades psicosociais, e dispón de apoio psicolóxico e transporte adaptado.

Outro dos recursos destacables é o Programa de Habilidades Adaptativas, que busca mellorar diferentes áreas funcionais: desde o autocoidado e habilidades académicas básicas, ata a comunicación, abordando alteracións da fala e da linguaxe. Este programa tamén inclúe formación en saúde e seguridade, primeiros auxilios, prevención de riscos e rehabilitación funcional mediante fisioterapia e terapia ocupacional, entre outras actividades.

Con esta colaboración, a Deputación de Lugo reforza o compromiso coas persoas con discapacidade intelectual, garantindo recursos e apoio para un servizo esencial que favorece a inclusión e a autonomía na Mariña lucense.

⚙ Configurar cookies
0.11882901191711