A Deputación de Lugo apoia con 6.000 euros a ASPANANE para promover o ocio inclusivo en Viveiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta de ASPANANE, María Dolores Fernández, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial destina 6.000 euros ao programa Apoio na planificación e xestión de proxectos de ocio e apoio a persoas con discapacidade intelectual.
Grazas a esta achega, a entidade social poderá contar cun técnico especializado en ocio e tempo libre que se encargará de dinamizar actividades culturais e recreativas adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual, favorecendo a súa integración, autonomía e participación activa na comunidade.
O programa, que deu comezo o pasado mes de marzo e se prolongará ata decembro, ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida e o benestar físico, social e emocional dos usuarios e usuarias de ASPANANE, ao tempo que promove a implicación das súas familias. As actividades desenvolveranse tanto no Centro de Día como no Centro Ocupacional que a asociación ten en Celeiro, no concello de Viveiro, e incluirán tamén propostas en datas destacadas como o Antroido, o Magosto e o Nadal.
Durante a sinatura do acordo, José Tomé destacou que con este apoio “reafirmamos o noso compromiso coas persoas con discapacidade intelectual e coas súas familias, apostando por un modelo de atención que combina inclusión, ocio de calidade e apoio individualizado”.
A presidenta de ASPANANE agradeceu o respaldo da Deputación e subliñou que “este programa permite mellorar a autoestima, as habilidades sociais e o benestar dos participantes, ofrecendo espazos de encontro e convivencia que son fundamentais para a súa vida diaria”.