A Deputación de Lugo apoia con 20.000 euros a continuidade dos grupos folclóricos de Os do 21 no Vicedo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a representante da asociación cultural Os do 21, Noelia Piñeiro García, rubricaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achegará 20.000 euros para o sostemento deste colectivo. Grazas a este apoio, o Vicedo poderá garantir a continuidade dos seis grupos que integran a entidade folclórica.
Tomé subliñou que este acordo “demostra o compromiso que temos co tecido asociativo, porque unha rede de colectivos forte e participativa é a columna vertebral da vida social e comunitaria. É sinónimo de máis democracia, máis desenvolvemento e máis futuro”. O mandatario provincial puxo en valor tamén o labor da asociación, que acumula máis de corenta anos dedicados a fomentar a cultura e as tradicións a través da danza, do teatro e da música popular.
Os fondos da Deputación permitirán afrontar os gastos de mantemento das instalacións, adquirir vestiario e materiais para as representacións, cubrir o transporte dos grupos, editar carteis de promoción das súas actividades, financiar servizos de asesoría e asumir o custo dos seguros de responsabilidade civil.
Na actualidade, Os do 21 constitúe a única agrupación folclórica do concello e está formada polos grupos As Folerpas, con nenos e nenas de 6 a 12 anos; As Faiscas, para mozos e mozas de 12 a 15 anos; As Ferriñas, de 14 a 22 anos; As Furelas, grupo de iniciación para persoas adultas; e Os do 21, que conforma o grupo sénior.