A Deputación de Lugo apoia con 10.000 euros o servizo ambulatorio de APNED na Mariña

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa representante da Asociación de Pais de Nenos con Discapacidade (APNED), María del Carmen Iglesias Fuentes. A través deste acordo, a institución provincial achega 10.000 euros para asegurar a continuidade do servizo ambulatorio que presta recursos, hábitos e habilidades a familias dos concellos de Barreiros, Ribadeo, Foz, Cervo, Burela, O Vicedo e Viveiro.
Tomé Roca destacou que se trata “do único servizo destas características existente na Mariña”, subliñando que o labor de APNED “axuda a que as diferenzas das persoas con discapacidade se perciban como un valor e non como un obstáculo, favorecendo a súa inclusión e participación activa na sociedade”.
O servizo ambulatorio atende actualmente a 30 menores con diversas discapacidades, entre elas Trastornos do Espectro Autista, Síndrome de Angelman, Síndrome de Prader-Willi, problemas de audición e visión, parálise cerebral infantil ou trastornos específicos de linguaxe. A intervención realízase en coordinación cos principais centros educativos da comarca, desde colexios de infantil e primaria ata institutos de secundaria.
Segundo explicou o presidente provincial, este apoio permite reforzar a coordinación entre familias, profesionais educativos e sanitarios, asegurando unha atención individualizada que se adapta ás necesidades de cada neno e nena. Ademais, lembrou que este proxecto, en marcha desde 2003, responde á carencia de recursos específicos para as persoas con discapacidade e que a súa existencia supón “un antes e un despois” para moitas familias.
“É habitual que, tras o nacemento ou diagnóstico dun neno ou nena con discapacidade, as familias se sintan desorientadas e sen saber como actuar. Grazas a servizos coma este poden atopar orientación, apoio e camiños para afrontar o futuro”, concluíu Tomé Roca.