A Deputación colaborou no financiamento das catas arqueolóxicas no litoral de Foz
A Deputación financiou as catas arqueolóxicas que se desenvolveron o pasado mes de agosto en Carreiro-Marzán, no litoral de Foz. As sondaxes, promovidas polo Concello de Foz a través da Concellería de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e do Mar, deron continuidade ás prospeccións que se levaron a cabo durante os anos 2020 e 2021 noutros puntos da rasa costeira entre A Rapadoira e Llas, onde se localizaron estruturas murais e material cerámico que denotan a existencia dun asentamento entre o século I e II d.C.
As catas programáronse co obxectivo de seguir avanzando na documentación e contextualización do xacemento, recabando información nunha zona especialmente vulnerable ao deterioro provocado polos temporais e á acción erosiva do mar. Nas intervencións, dirixidas polo arqueólogo Roberto Bartolomé, acháronse restos de cerámicos feitos a man, que inciden na ocupación da zona nos primeiros séculos da nosa era e que contribúen a delimitar as zonas de interese para futuras prospeccións.
Dende a Deputación sinalaron a necesidade de continuar co estudo do xacemento para obter a maior información posible antes dun deterioro irreversible e destacaron o interese que a arqueoloxía e a xestión do patrimonio teñen como elemento de dinamización cultural e ferramenta educativa.
A área de Medio Rural investiu 4.000 euros nesta intervención arqueolóxica, que se suman a outras iniciativas de protección do patrimonio apoiadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo na comarca da Mariña, como o estudo preliminar impulsado por Mariña Patrimonio no castro de Rueta, en Cervo.