A Deputación colaborará para mellorar servizos deportivos en Trabada e O Vicedo

AMariñaXa
Achegas para unha nova instalación deportiva, acondicionar vías ou para a Unión Deportiva Folgueiro
Pablo Rivera Capón
28 Nov 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou diferentes convenios de colaboración para mellorar as dotacións e os servizos públicos dos veciños e veciñas de Trabada e O Vicedo, entre outros concellos da provincia.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón avanzou que en Trabada, a Deputación achegará 105.000 euros para a construción dunha nova instalación deportiva e para acondicionar diferentes vías municipais. A meirande parte do investimento para o Concello mariñán irá destinada a dotar ao municipio dun circuíto de pump track para bicicletas e monopatíns no complexo deportivo de Santa María. Unha nova instalación que estará situada entre o colexio e a piscina municipal, e que forma parte da aposta do Concello por mellorar as instalacións deportivas e ampliar a oferta de actividades no municipio. Por outra parte, e con cargo a esta achega, Trabada mellorará tamén dos accesos a Pena Quente, na parroquia de Sante; e os de Vilaxuá e da Igrexa, na parroquia de Vilaformán.

No Vicedo, a Deputación achegará 16.160 euros á Unión Deportiva Folgueiro “para garantir a continuidade dun club cunha sólida traxectoria de 21 anos”. Neste sentido, Pablo Rivera asegurou que este club “xoga un papel esencial na comunidade, promovendo o deporte e converténdose nun importante punto de encontro para veciños e veciñas, tanto do Vicedo como da zona norte da provincia”.

0.17118287086487