A Deputación colabora con Ourol na renovación da Casa Consistorial

AMariñaXa
Co fin de desenvolver actuacións de acondicionamento e mellora nesta contorna do concello
Sinatura-convenio-con-Ourol
14 Nov 2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou xunto ao Alcalde do Concello de Ourol, José Luís Pajón Camba, un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial destinará unha achega económica de case 180.000 euros para desenvolver actuacións de acondicionamento e mellora na contorna na que se atopa a Casa Consistorial do municipio.

Tomé Roca recalcou que este acordo “é unha mostra do compromiso que mantemos desde a institución provincial coa asistencia e a cooperación cos concellos da provincia ofrecéndolles recursos económicos para que poidan reforzar a mobilidade dos veciños e veciñas e facilitarlles o acceso a diversos recursos e prestacións”. En concreto, o mandatario provincial avanzou que “nesta zona do municipio atópanse a maioría das dotacións e os servizos municipais, como o edificio multiusos, o punto limpo, a piscina ou a área de caravanas”.

Con este proxecto, que financia a Deputación de Lugo na súa totalidade e que achegará en dúas anualidades, darase solución a actual situación desta zona que conta cun acceso moi estreito e de escasa visibilidade. Neste acordo inclúese a apertura dun novo vial nunha finca rústica, que mellorará a seguridade e a comodidade da veciñanza, e o acondicionamento das beirarrúas a ambos lados. Os traballos completaranse coa humanización da contorna, onde se prevé a colocación de bancos, árbores e a instalación de luminarias. Ademais, estas obras servirán para executar un novo cadro para o alumeado da zona.

 

0.20394897460938