A Deputación colabora con Burela para acondicionar un local nas instalacións deportivas da Marosa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou autorizar ao Concello de Burela a destinar os remanentes dunha achega da institución provincial para acondicionar un pequeno local nas instalacións deportivas da Marosa. En concreto, a Deputación permite á Administración local utilizar preto de 50.000 euros derivados da reposición do campo de herba artificial en mellorar este espazo que o SD Burela destina ao lavado, secado e almacenaxe da roupa deportiva.
Así o informou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que esta achega é posible grazas aos remanentes doutra axuda para a reposición do campo de herba artificial. Os traballos neste local, que conta con preto de 35 metros cadrados, consistirán na demolición parcial e intervención na estrutura do local, mellora dos peches, renovación da cuberta, das instalacións eléctricas, alumeado e protección contra incendios, mellora dos revestimentos exteriores, interiores e acabados.
“Trátase dunha actuación moi importante, porque ademais do equipo sénior, que actualmente compite na Primeira Autonómica, o SD Burela ten diferentes equipos xogando en categorías infantís, cadetes, xuvenís e veteranos. Polo que dá servizo a moitísimas persoas e a moitísimos nenos e nenas da localidade”, valorou Rivera Capón.