A Deputación colabora con AFA Viveiro na atención de persoas con alzhéimer
A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, visitou a sede de AFA Viveiro (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias) para coñecer, de primeira man, a atención profesional que reciben os case 50 usuarios que atenden na comarca mariñá. Neste encontro, no que tamén participaron o presidente da Asociación, José Amador Fernández Pérez, a coordinadora do Centro, Ana Solloso, así como outros membros da xunta directiva, renovouse o compromiso da institución provincial con esta entidade, á que destina unha achega económica de 12.000 euros.
López Moreno aproveitou este encontro para coñecer as obras que está realizando a asociación e que lles permitirá centralizar todos os servizos que prestan nun mesmo lugar. Ademais, a deputada puxo en valor o traballo que desenvolve este colectivo que “leva case 20 anos mellorando a calidade de vida dos seus usuarios, e por suposto, das súas familias”. Nesta liña, Carmela López destacou a colaboración que mantén a institución provincial con AFA Viveiro para desenvolver unha serie de obradoiros de prevención dirixidos a persoas sas ou que presentan un deterioro cognitivo leve.
“Grazas a esta achega, a entidade atende a 15 usuarios no concello de Viveiro e 13 no Vicedo que participan nestas actividades”. As actuacións que se enmarcan nesta convenio van dirixidas a manter a capacidade funcional e preservar a autonomía das persoas que presentan unha perda de memoria asociada á idade. Neste senso, os participantes realizan diversos exercicios prácticos, como cálculos mentais, narracións ou actividades de fluidez verbal, entre outros, co fin de que poidan aplicalos no seu día a día e manter o maior tempo posible a súa independencia e validez.
A Asociación de Familiares de persoas con Alzhéimer e outras Demencias de Viveiro nace no 2005 co fin de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade, así como outras demencias neurodexenerativas. A estimulación terapéutica, o programa de estimulación no fogar, a atención psicolóxica ou o asesoramento e a orientación ás familias, son algúns dos servizos que ofrece.