A Deputación colabora coa Confraría de Pescadores de Foz con 9.000 euros
O deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade, Daniel García Fernández, reuniuse co patrón maior da Confraría de Pescadores de Foz, José Lestegás Iglesias, e outros membros do pósito para presentar e concretar o convenio de colaboración que a área provincial subscribirá coa entidade. Este acordo contempla unha achega de 9.000 euros, consignados nos orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2025.
A achega destinarase a cubrir gastos de actividade e funcionamento, permitindo á confraría afrontar o pagamento do alugueiro das instalacións -propiedade de Portos de Galicia-, que se empregan como almacén para redes, aparellos e maquinaria de carga e descarga. Tamén incluirá subministros básicos dos locais, como telefonía, electricidade ou auga, entre outros gastos asociados á súa actividade.
O deputado Daniel García destacou que “desde a tenencia de alcaldía do Concello de Foz e o sector pesqueiro trasladáronnos as dificultades económicas que atravesa a confraría, derivadas das fortes limitacións impostas á actividade dos barcos nos últimos meses”.
Engadiu que “esta achega pretende dar resposta a estas dificultades financeiras, dentro das limitadas competencias da Deputación neste ámbito, cuxa xestión depende fundamentalmente dos gobernos galego e estatal en Europa”. Ademais, trasladou ao sector o apoio institucional e político da área de Mar e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na defensa da pesca de baixura, que segue sendo un sustento esencial para moitas familias.
Unha contribución para a viabilidade da Confraría
A Confraría de Foz, que está a piques de cumprir un século desde a súa fundación en 1929, conta actualmente con catro embarcacións adscritas: dúas de cerco e dúas dedicadas a artes menores, que dan emprego a unha trintena de persoas.
As dificultades do sector pesqueiro en Foz, agravadas pola falta de calado do porto, incrementáronse nos últimos anos debido ás restricións na pesca de especies clave como a sardiña, o bocarte, o chicharro ou a cabala. Estas limitacións obrigaron á frota de baixura a permanecer amarrada, como explicou o patrón maior durante a visita ás instalacións, na que tamén participaron os concelleiros Francisco Xavier Fanego e Simeón Neira.
O responsable da confraría subliñou que “sen esta axuda, o funcionamento da entidade non sería viable, xa que non poderiamos afrontar nin sequera os gastos mínimos de alugueiro e servizos”. Tamén agradeceu a colaboración co sector de Francisco Xavier Fanego, “que sempre se mostrou preocupado pola nosa situación e comprometido coa busca de solucións noutras administracións”.
Durante a visita, Francisco Xavier Fanego destacou “a importancia de garantir os recursos necesarios para atender as necesidades inmediatas e cotiás dun sector que é fundamental na configuración económica e social de Foz, non só no pasado, senón tamén como actividade produtiva con futuro”.
Outros investimentos da área de Mar en Foz
Esta colaboración coa Confraría de Foz engádese a outras actuacións realizadas pola área de Mar da Vicepresidencia da Deputación de Lugo no municipio. En 2024, a área dirixida por Daniel García investiu 6.000 euros na instalación de proteccións nos valos da zona portuaria, preto da ría, para mellorar a seguridade na explanada do porto e evitar a caída de plásticos ou residuos que poderían afectar á contorna do Masma e do Centiño.