A Deputación colabora co Concello de Foz na roza de parcelas no polígono de Fazouro
A área de Medio Rural, Medio Ambiente e Patrimonio do Concello de Foz desenvolveu durante esta semana traballos de roza no polígono industrial de Fazouro, coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo.
As actuacións centráranse en tres parcelas de titularidade municipal, situadas á beira dunha estrada e con parte da superficie en pendente, que requeriu o uso de maquinaria especializada. O tenente alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego, agradeceu a colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo “para financiar a contratación dos traballos que se desenvolveron ao longo desta semana e cos que damos continuidade as actuacións de roza que vimos realizando noutros puntos do concello”
Dende a Deputación sinalan “que con esta actuación ampliamos a colaboración que mantemos co Concello de Foz, con outras intervencións como a adecuación dos aparcadoiros de Nois e Pico do Castro, que se habilitaron recentemente” e valorou o esforzo da área de Medio Rural do Concello para atender do mellor xeito posible os deberes de conservación e de coidado dos espazos públicos que temos as administracións públicas”.
A colaboración canalizouse a través dun convenio interadministrativo para o que a Deputación de Lugo achegou 6.000 euros.