A Deputación arrinca a renovación da estrada de acceso á praia de Xilloi, no Vicedo

AMariñaXa
O tramo urbano da LU-P-6405, clave para veciñanza e visitantes, recibe unha mellora integral cun investimento de 170.000 euros
Vicedo-Obras-na-LU-P-6405-Xilloi
19 May 2025

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha este luns os traballos de mellora no tramo inicial da estrada provincial LU-P-6405, que conecta o centro do Vicedo coa praia de Xilloi, un dos principais destinos turísticos do concello. As obras, que supoñen un investimento de 170.000 euros e están sendo executadas pola empresa Carferlo SLU, céntranse na zona urbana, dende a rúa Rosalía de Castro ata o punto quilométrico 1,400, á altura da igrexa de San Esteban.

A intervención inclúe a mellora da drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a renovación da sinalización horizontal e vertical, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e o confort na circulación. Este tramo é especialmente transitado tanto por residentes como por turistas, xa que dá acceso directo a varios negocios locais e constitúe a vía principal para achegarse á praia de Xilloi, moi frecuentada durante a tempada estival.

A actuación enmárcase no Plan de mellora das estradas 2025 da Deputación de Lugo, que conta cun orzamento global de 15,5 millóns de euros e que contempla tamén outras dúas intervencións no municipio mariñán. Trátase das estradas LU-P-6401 e LU-P-6402, que comunican diversas parroquias como Suegos, Falcoeira –no límite coa provincia da Coruña– e o Cristo de Portapena. O investimento previsto nestas dúas vías supera os 330.000 euros.

En conxunto, o organismo provincial destinará ao longo de 2025 preto de medio millón de euros á mellora da rede viaria do Vicedo, apostando pola modernización das comunicacións e pola posta en valor dos recursos naturais e turísticos da zona.

⚙ Configurar cookies
0.16874003410339