A Deputación aproba investimentos no campo Malates de Foz e na praza da Mariña de Burela

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir 750.000 euros na mellora de dotacións e servizos nas comarcas da Mariña e na Montaña. Así o informou a voceira socialista, Pilar García Porto, que enmarcou a decisión tomada esta mañá na sesión semanal do Executivo no seu compromiso coa cooperación cos 67 concellos que conforman a provincia de Lugo.
Avanzou que na comarca da Mariña aprobaron dous convenios de colaboración con Foz e con Burela. En Foz a Deputación investirá 250.000 euros para a renovación do céspede artificial no campo de Malates. “Unha instalación deportiva moi empregada tanto para partidos como para adestramentos por equipos locais e categorías inferiores”, explicou García Porto.
Sinalou que o céspede actual está “moi deteriorado” porque o instalaron no 2011, hai 14 anos, e ten moito uso e destacou que “a través destes fondos poderemos instalar un céspede artificial de última xeración e ademais renovar o sistema de rego”. Nese sentido, detallou que o Concello de Foz porá outros 65.071,39 para chegar a un orzamento conxunto de 315.071,39 necesarios para estas actuacións “que virán a mellorar a seguridade, a comodidade e as prestacións deste campo de fútbol”.
Valorou que renovar o céspede non é só unha mellora deportiva, “senón un investimento en benestar para o conxunto da veciñanza, porque grazas a esta actuación, Foz contará cunha instalación máis moderna e sostible, que potenciará a vida comunitaria”.
En Burela, a Deputación destinará outros 250.000 euros para a instalación dunha cuberta na praza da Mariña. Un espazo público ao aire libre “imprescindible para este municipio porque acolle gran variedade de usos: a recepción dos Reis Magos, eventos deportivos, xogos infantís, representacións de teatro, concertos, feiras e pequenos mercados”. Explicou a Deputada que mediante estes fondos “dotaremos a esta praza dunha zona cuberta de 400 metros cadrados, de costas ao antigo centro comercial; no lugar no que se sitúa o actual palco da música”.
O Concello de Burela aportará 122.670,30 euros para chegar a un orzamento de 372.670,30 necesarios para a instalación desta cuberta, que terá alturas variables, será de madeira e metal e estará dotada con lucernarios para deixar pasar a luz natural. “Gracias a esta actuación dotamos ó centro de Burela dun espazo útil ó aire libre os 365 días do ano, independentemente do tempo; xa que a estrutura que está proxectada protexería da choiva, pero tamén do nordés. “Un investimento que se traduce en cohesión social, actividade económica e sustentabilidade urbana”, destacou García Porto.