A Deputación apoia o traballo de Fademur no rural cunha axuda de 53.000 euros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Con esta actuación, as beneficiarias recibirán gratuitamente servizos de información, orientación e asesoría xurídica
sinatura-convenio-deputacion-fademur
9 Out 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos coa presidenta da Federación de Asociación de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Verónica Marcos Arrojo. A través deste acordo, a institución provincial achega 50.000 euros que supón practicamente o total do orzamento, mentres que o colectivo achega aproximadamente os 3.000 euros restantes para o desenvolvemento dun programa que ten por obxectivo empoderar a muller do rural.

José Tomé destacou que “a muller do rural xoga un papel fundamental na vida e economía familiar, aínda que en moitas ocasións ese traballo non recibe o recoñecemento que merece”. Por este motivo, resaltou que a colaboración da institución provincial con Fademur resulta fundamental “para apoiar e visibilizar mellor a imaxe das mulleres rurais, atendendo con estas accións as necesidades ás que se enfrontan no seu día a día", afirmou o mandatario provincial.

O Empoderamento da Muller Rural é un programa que inclúe varios servizos que abordan necesidades específicas, como a información e orientación gratuíta sobre temas relevantes como a violencia de xénero, emprego, axudas e subvencións. Ademais, o programa presta un servizo de alfabetización dirixido a mulleres, que se desenvolverá a través de sesións grupais. O contido formativo abarcará habilidades lectoras e escritas, comprensión lectora e alfabetización dixital, incluíndo o uso de internet e dispositivos móbiles.

Ademais, tamén se levarán a cabo actividades para fortalecer as redes de socialización das mulleres maiores, xa que os cambios da vida como a xubilación e as perdas emocionais reducen os seus contactos sociais e aumentan o risco de illamento e soidade, o cal está relacionado con problemas de saúde física e mental. Haberá ao longo deste ano 2024 seis sesións en grupos de 8 a 10 mulleres e estarán dirixidas por persoal cualificado. Abordarán temas como a autoestima, a saúde feminina e o crecemento persoal, promovendo o intercambio de ideas.

Empoderamento e apoio ás mulleres rurais

Fademur-Galicia, que agrupa 64 asociacións de mulleres rurais, traballa para apoiar a construcción de proxectos vitais das mulleres no rural. A Federación promove a a formación e mellora das habilidades das mulleres, a través de acompañamento en emprendemento, busca de emprego e asesoría sobre axudas.

Ademais, destina os seus esforzos a promover a vida social e o acceso a recursos educativos, incorporando a perspectiva de xénero nas súas iniciativas para combater a violencia e fomentar a participación na vida pública. As actividades incluídas no seu programa buscan empoderar e crear un entorno rural máis igualitario e dinámico.

0.093807935714722