A Deputación apoia o programa de estimulación cognitiva de AFA Viveiro para persoas con Alzheimer

AMariñaXa
Na comarca diagnosticáronse máis de 1.400 casos de Alzheimer e outras demencias nos últimos 15 anos
dep-afa-viveiro
7 Jul 2025

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración con José Amador Fernández Pérez, representante da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras demencias de Viveiro (AFA Viveiro), para apoiar con 12.000 euros o desenvolvemento dun programa de estimulación e mantemento cognitivo destinado a persoas con deterioro cognitivo leve.

A sinatura, realizada na Sala de Xuntas da Deputación, forma parte da colaboración da institución provincial co tecido asociativo, especialmente con entidades que traballan pola atención social, o benestar das persoas maiores e a igualdade de oportunidades.

“O traballo que realiza AFA Viveiro é fundamental para dar resposta a unha necesidade crecente na comarca: acompañar ás persoas que inician un proceso de deterioro cognitivo e ás súas familias, ofrecendo atención terapéutica e humana. Este programa é un exemplo claro do que entendemos por compromiso social desde a Deputación”, afirmou José Tomé.

Na comarca diagnosticáronse máis de 1.400 casos de Alzheimer e outras demencias nos últimos 15 anos, dos cales 170 pertencen ao concello de Viveiro desde 2012. AFA Viveiro pretende ofrecer ás persoas afectadas ferramentas para ralentizar o deterioro e manter a súa autonomía, nunha contorna rural con poucos recursos especializados.

O programa, que se desenvolverá durante todo 2025, inclúe sesións cinco días á semana, en horario de mañá e tarde, combinando intervencións individuais e grupais. As actividades estimulan diversas áreas cognitivas como memoria, linguaxe, orientación, atención, cálculo mental, percepción sensorial e funcións executivas, aplicando técnicas mnemotécnicas, validación emocional e traballos de reminiscencia, baseadas en evidencias científicas.

Ademais, o taller promove a socialización, evita o illamento e mellora o estado de ánimo das persoas participantes, moitas delas derivadas por familiares ou centros de saúde ante os primeiros síntomas. AFA Viveiro ten a súa sede nos claustros de San Francisco, en Viveiro, e atende tamén aos concellos limítrofes.

Con este convenio, a Deputación reafirma o seu compromiso por garantir o acceso equitativo a servizos sociosanitarios de calidade, especialmente nas zonas rurais, contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a reforzar o papel das entidades sociais que sustentan a cohesión no medio rural.

⚙ Configurar cookies
0.09173583984375