A Deputación apoia con 35.000 euros ao Burela FS polo seu compromiso deportivo e social

AMariñaXa
Con esta contribución, a Deputación quere recoñecer a traxectoria do club, así como o seu traballo
burela-fs-dep
9 Jul 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Burela e deputada provincial, Carmela López Moreno, mantiveron un encontro cos xogadores e xogadoras do Burela Fútbol Sala na praia do Cabaliño para coñecer de preto a situación do club mariñán. Durante a visita, na que tamén participaron membros da xunta directiva e persoal técnico, o presidente fixo entrega dunha achega económica de 35.000 euros á entidade deportiva.

Con esta contribución, a Deputación quere recoñecer a traxectoria do club, así como o seu traballo a prol da igualdade e o seu impacto económico e social tanto na Mariña como no conxunto da provincia.

Tomé Roca destacou que o Burela FS “conseguiu consolidarse, en pouco máis de vinte anos, como un auténtico referente deportivo tanto a nivel nacional como internacional. Grazas ao esforzo de todas as persoas que conforman esta entidade foron quen de acadar importantes distincións como a sétima Copa da Raíña ou o recoñecemento ao Mellor Club Feminino do Mundo no 2021-2022, entre outros moitos logros”.

Ademais, subliñou que os logros do club transcenden o ámbito deportivo: “Tamén se trata dunha entidade que sobresae en materia de igualdade, polo seu compromiso na loita dos estereotipos de xénero; por incentivar o deporte base na comarca; e por actuar como auténticos embaixadores da nosa provincia”.

O presidente provincial concluíu que esta achega económica “é un recoñecemento aos seus esforzos, pero tamén é un importante apoio para que logren acadar unha maior estabilidade económica de cara á vindeira tempada, sigan competindo ao máis alto nivel e continúen proxectando a Mariña e a nosa provincia tanto dentro como fóra de España”.

⚙ Configurar cookies
0.26492500305176