A Deputación apoia a actividade da Federación de Confrarías de Pescadores

AMariñaXa
A Deputación apoia con 18.000€ a actividade da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores. Un convenio de colaboración
_Federacion Provincial de Confrarias de Pescadores
5 Aug 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero Rodríguez, asinaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio a través do que a institución provincial achega á entidade 18.000€ para colaborar co seu funcionamento e o impulso de actividades de divulgación da pesca. 

A través deste convenio, a institución provincial contribúe ao pagamento do salario dunha persoa que desenvolve as funcións a tempo completo de secretaría na Federación. Por outra banda, estes fondos tamén lle axudan a esta entidade ao desenvolvemento dunha importante función de divulgación das tradicións mariñeiras da Mariña. 

En concreto, difunden carteis, pezas audiovisuais e folletos entre as institucións públicas, colexios e centros de educación especial. Desta maneira, aproxímanse á sociedade os coñecementos sobre os distintos tipos de especies ás que se dedica a frota tanto artesanal como de altura, mostrando a mellor época de consumo e as medidas mínimas das especies típicas das nosas augas, entre outros datos de interese. Neste material tamén se incide no coñecemento dos distintos buques que operan na Mariña: busques de pesca artesanal, litoral, altura e gran altura; así como nas partes de cada embarcación e os nomes tradicionais que reciben.  

José Tomé subliñou que esta aportación económica “é unha mostra máis do apoio que a Deputación ofrece ao tecido produtivo da nosa provincia sempre, pero sobre todo nestes momentos de crise provocada pola pandemia sanitaria”. “Necesitamos a riqueza que xera o noso mar, a nosa pesca. Temos que defender esa rede de empregos, en moitos casos de carácter familiar, que fixa poboación e que mantén as características sociais e culturais da Mariña”, sinalou.

A Federación

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo engloba ás seis confrarías que existen na provincia: Ribadeo, Foz, Burela, San Ciprián, Celeiro e O Vicedo. Dende a chegada da Covid-19 a entidade primou a atención en liña para a realización de todos os trámites administrativos co fin de que as embarcacións poidan saír a faenar con toda a documentación en regra. 

A Federación realiza os despachos das embarcacións nas Capitanías Marítimas, así como os enroles e desenroles das tripulacións, as solicitudes de inspeccións obrigatorias anuais ou outras tramitacións necesarias para o correcto funcionamento do día a día das confrarías. Ademais, a entidade xestiona no Instituto Social da Mariña as solicitudes de revisión dos botiquíns obrigatorios abordo, solicitudes de citas previas para os recoñecementos médicos ou, entre outros aspectos, a matriculación nos cursos de sanidade marítima.   


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17690896987915