A Deputación anuncia melloras en diferentes infraestruturas de Burela e Ourol

AMariñaXa
Segundo avanzou a voceira socialista, Pila García Porto
311024--Xunta-de-Goberno---Pilar-García-Porto
31 Out 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar un investimento de máis de 400.000 euros para mellorar diferentes infraestruturas dos concellos de Ourol, Burela e A Fonsagrada. Así o avanzou a voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión ordinaria do Executivo provincial.

En Ourol, a Deputación achegará preto de 180.000 euros en dúas anualidades para levar a cabo a apertura dun vial nunha parcela rústica que se sitúa ao lado da Casa do Concello e para acondicionar dúas beirarrúas da contorna. Segundo apuntou a Deputada, nesta zona concéntrase a maioría dos servizos municipais, como o edificio multiusos, o punto limpo, a área de caravanas ou a piscina, “polo que con este acordo non só melloraremos a accesibilidade dos veciños e veciñas a estes recursos, senón que tamén a súa seguridade e comodidade”. Explicou ademais que este investimento inclúe a humanización da contorna mediante a instalación de bancos, árbores e o correspondente alumeado.

Burela poderá financiar, grazas á Deputación, un proxecto para acondicionar as antigas vivendas de profesores e habilitar nelas locais sociais para as diferentes asociacións do municipio. O investimento da institución provincial neste caso será de 115.000 euros para chegar a un investimento conxunto de máis de 123.000euros. Os traballos neste caso consistirán en transformar cada unha das catro vivendas existentes na rúa das Escolas de Burela en cinco locais para asociacións e un aseo; polo que a actuación permitirá dotar dun novo local de reunión a 20 colectivos. “Unha actuación importante porque virá a mellorar as condicións do tecido asociativo deste municipio, o que contribuirá a dinamizar a vida social e cultural deste concello”, valorou García Porto.

Ademais, na Xunta de Goberno aprobouse unha colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia (AELU) por un importe de 35.000 euros para financiar o programa formativo Ninfas, destinado ás emprendedoras.“Unha iniciativa que pretende, por unha parte aumentar o rendemento das empresas dirixidas por mulleres, dinamizando o tecido empresarial da provincia; e por outra, loitar contra o despoboamento nas zonas do rural a través de accións formativas e de reciclaxe dirixidas ás emprendedoras”, detallou a Voceira socialista.

Mediante este programa, AELU prevé impartir obradoiros formativos diversos de 2 ou 3 horas a unhas 340 mulleres da provincia. O investimento da Deputación estará destinado, entre outras cuestións, á contratación de dúas persoas, unha encargada de coordinar a actividade, e outra experta en redes sociais e informática para impartir as formacións.

 

0.12690091133118