A Deputación adxudica as obras do Centro de Maiores da Pontenova
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou tras a reunión de Xunta de Goberno deste venres a adxudicación das obras de construción do Centro de Atención a Maiores da Pontenova por 1,97M€. Construcciones Jesús Naray S.L. será a empresa encargada de levantar as instalacións, proxectadas nunha parcela de máis de 2.000 metros cadrados na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz. O inicio dos traballos dependerá da concesión das autorizacións autonómicas pertinentes.
José Tomé destacou “a importancia deste proxecto para a veciñanza deste municipio mariñán, froito dun traballo constante da institución provincial para cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos. Con obras como esta achegamos os servizos públicos á xente e, polo tanto, mantemos a poboación no territorio para que o noso rural siga vivo”.
Este centro contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, seguindo o modelo propio que ten a Deputación de Lugo para a súa Rede de Residencias provinciais. O edificio terá dúas plantas, un semisoto e un ático e, para unha maior comodidade dos residentes, todos os cuartos estarán orientados cara o río Eo. As obras deberán estar executados nun prazo máximo de 15 meses.
“Con cada centro xeramos unha media de 25 novos postos de traballo, ademais de empregos indirectos e de actividade económica. Un exemplo son os produtos para a cociña, onde empregamos produtos de proximidade, pero tamén a farmacia, a hostalería ou o comercio notarán o aumento da actividade económica co funcionamento da residencia”, sinalou o mandatario provincial.
A día de hoxe, a Deputación ten residencias en funcionamento en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e neste ano abrirá as de Meira e Navia de Suarna.