A DecemBeer & Burguer dará sabor á ponte festiva en Foz con 14 locais hostaleiros

Foz
AMariñaXa
Acia Foz-CCA impulsa unha proposta gastronómica con hamburguesas e cervexas os días 5 e 6 de decembro, en colaboración coa Xunta e o Concello
Decembeer-Burguer-Foz-2025
1 Dec 2025

Foz quenta motores para a ponte festiva de decembro cunha nova proposta gastronómica que promete atraer tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. Os días 5 e 6 celebrarase a DecemBeer & Burguer, unha iniciativa de Acia Foz-CCA na que participan catorce establecementos hostaleiros da vila, que ofrecerán distintas elaboracións de hamburguesas maridadas con cervexas.

O presidente de Acia Foz, José Carlos Paleo, explicou durante a presentación que “a intención é iniciar a ponte cun plan apetecible, creando un ambiente dinámico para todas as persoas que se acheguen a Foz nesas datas”. Paleo destacou tamén a variedade de propostas gastronómicas que se poderán degustar nos locais participantes.

A oferta estará dispoñible en 9 Olas, A Rambla-Pachán, Augas Santas, Bar 78, Café Bar Campos, Cafetería Anduriña, Dandy, Espacio Machete, Las Delicias de Belkis, Marexada, Mexideli, O Muelle Bar, O Tangarte e Xoyma, onde cada establecemento achegará a súa propia interpretación desta mestura de burger e cervexa.

O evento foi presentado ao mediodía nun acto no que participaron o alcalde, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Navarro, e o propio presidente da entidade organizadora. A cita conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz, que aposta por fortalecer a actividade comercial e hostaleira en tempos de maior afluencia.

Coa chegada do mes de decembro, Acia Foz-CCA pon tamén en marcha o Nadal, cun reparto de alfombras decorativas e o engalanado de escaparates que encherán de cor e ambiente festivo as rúas da vila. A campaña navideña arrincará o 15 de decembro, aínda que antes, este venres día 5, Foz celebrará o acendido oficial do alumeado.

⚙ Configurar cookies
0.077802896499634