A Cultural Leonesa e o Deportivo Lugo enfrontaranse no Vila de Foz

O Trofeo Vila de Foz alcanza este verán a súa trixésimo sexta edición cun cartel de luxo: a Cultural y Deportiva Leonesa e o Club Deportivo Lugo medirán forzas o vindeiro 9 de agosto, ás 12:00 horas, no Estadio Martínez Otero. A organización do evento, que presentou este martes oficialmente o encontro, agradeceu a implicación dos dous equipos, así como o apoio do Concello de Foz e dos numerosos colaboradores locais que fan posible a cita deportiva.
As entradas anticipadas teñen un prezo de 8 euros e poden adquirirse no local social do club, no bar O Muelle, en Xoyma ou no Hotel Isla Nova. Na billeteira do estadio, o día do partido, o prezo será de 10 euros. Os menores de 16 anos poderán acceder de balde.
Dende a organización destacan que o campo de xogo está a ser acondicionado para ofrecer as mellores condicións posibles tanto aos xogadores como ao público asistente. Ademais, como novidade desta edición, os asistentes poderán gozar dunha sesión vermú durante o descanso e ao remate do encontro, co obxectivo de converter o trofeo nunha auténtica festa do fútbol e da convivencia.
"Queremos que o Vila de Foz sexa moito máis ca un partido, que se viva como unha celebración", sinalan dende o club, animando á veciñanza e visitantes a adquirir as súas entradas con antelación para non perderse unha cita que aspira a superar todas as expectativas.