A cultura toma Ribadeo nas vésperas da súa festa indian

O Ribadeo Indiano chega este ano á súa décima edición e, para ir abrindo boca, o Concello organiza unha semana completa de actividades culturais que se desenvolverán entre o 29 de xuño e o 6 de xullo. A programación inclúe teatro, música en directo e presentacións literarias, pensadas para todos os públicos e co obxectivo de crear ambiente antes da celebración oficial, prevista entre os días 11 e 13 de xullo.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, as chamadas “antevésperas e vésperas” do Ribadeo Indiano comezarán este sábado, 29 de xuño, cunha proposta teatral no auditorio municipal. A compañía Tarabela Creativa representará a obra Boa sorte, mala fama, a partir das oito e media da tarde, nunha cita que promete arrancar risas e reflexións a partes iguais.
A actividade continuará a fin de semana seguinte. O xoves 4 de xullo, o escritor Suso Martínez presentará na biblioteca o seu libro O rey de los Jíbaros, tamén ás 20:30 horas. O venres 5 será a quenda da música, cun concerto da Banda Filarmónica de Lugo no auditorio municipal.
Para pechar esta semana previa, o domingo 6 de xullo os protagonistas serán os máis pequenos da casa. No parque de San Francisco terá lugar a presentación do libro Os Bolechas no Ribadeo Indiano, nun acto que contará coa presenza dos famosos bonecos e que terá formato lúdico e participativo.
Desde a organización animan a toda a veciñanza e visitantes a sumarse a estas actividades “que serven para ir entrando en ambiente e celebrar entre todas e todos unha edición moi especial do Ribadeo Indiano”, segundo sinalou Sanjurjo.