A cultura percorre de novo as parroquias de Barreiros co ciclo “A voltas cos contos”

AMariñaXa
Monólogos e narración oral enchen de vida os espazos comúns do interior do concello nun programa que aposta pola proximidade e o humor
Barreiros-contos-de-veran-2025
11 Jun 2025

O Concello de Barreiros retoma este mes de xuño o seu ciclo cultural “A voltas cos contos”, unha iniciativa impulsada pola concellería de dinamización e participación veciñal que busca achegar a cultura ás parroquias do interior e encher de actividade os espazos comúns que forman parte do día a día da veciñanza.

Logo do éxito acadado na súa primeira edición, o programa volve con forza cunha nova quenda de seis actuacións escénicas, centradas sobre todo no monólogo humorístico e a narración oral, nun formato que combina o entretemento coa reflexión.

“Queremos seguir ofrecendo propostas culturais de calidade, próximas e adaptadas aos espazos do noso rural”, explica o concelleiro Dani García, quen subliña que o obxectivo principal é “levar a cultura alí onde vive a xente e valorizar o patrimonio comunitario das nosas parroquias”.

As actuacións desenvolveranse nas vindeiras semanas e estarán protagonizadas por artistas que mesturan o humor, a tradición oral e a crítica social, ofrecendo espectáculos pensados para todos os públicos e adaptados á realidade dos pequenos núcleos rurais.

O ciclo “A voltas cos contos” naceu co propósito de crear encontros arredor da palabra e reforzar os lazos veciñais a través da cultura compartida. “Cremos firmemente no poder transformador da palabra e no valor que teñen os encontros culturais nos espazos do común”, sinalan dende a organización.

A primeira cita será o domingo 15 de xuño ás 19:00 horas en Celeiro (Escola), coa función “Dona Emilia e a Señora Carme”, a cargo de Cris de Caldas. O domingo seguinte, 22 de xuño ás 19:00 horas, a contadora Vero Rilo presentará “Lavandeiras” no local social de Cabarcos.

Xa en xullo, o día 6 ás 19:00 horas, Avelino González ofrecerá o espectáculo “Chistes que foron contos” na escola de Vilamartín Pequeno; e o domingo 13, á mesma hora, Caxoto representará “Contos con mar de fondo” no teleclub de Vilamartín Grande. A programación continuará o 20 de xullo con Ángeles Goás, que achegará a proposta “Contos da Torre, do foco e de Romariz” ao teleclub de Rilleira.

Finalmente, pechará o ciclo o grupo Xarope Tulú, o domingo 10 de agosto ás 19:00 horas no local social de San Xusto, coa función “Bailen as vellas. Os contos das cereixas”.

Esta axenda cultural conta co apoio do Concello de Barreiros, a iniciativa Barreiros medra contigo, a Deputación de Lugo a través do Plan Deputación 2025, o programa Cultura no Camiño 2025 e a Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.17307996749878