A creatividade infantil enche Foz no XXI Concurso de Postais de Nadal

A ilusión, a imaxinación e o espírito do Nadal volveron converterse nos grandes protagonistas do XXI Concurso de Postais de Nadal do Concello de Foz, unha cita xa consolidada no calendario cultural local que este ano acadou unha participación récord. En total, foron 607 as postais presentadas por nenas e nenos de diferentes centros educativos, enchendo a Biblioteca Municipal de cor, mensaxes de esperanza e creatividade.
O certame estivo dirixido a alumnado desde Infantil ata a ESO, repartido en distintas categorías segundo a idade. Na categoría Infantil, para rapazada de 4, 5 e 6 anos, o primeiro premio foi para Xulia Núñez Otero, do CEIP Nº1, seguida de Lucía López Rodríguez, do Colexio do Pilar, e Adrián Longarela Pérez, do CEIP O Cantel.
En Primaria A, correspondente a 1º, 2º e 3º curso, o xurado recoñeceu o traballo de Martín Níñez Díaz, do Colexio Martínez Otero, que acadou o primeiro premio. O segundo foi para Zoe Ponte Collantes, do mesmo centro, mentres que Alejandro Diéguez Ruíz, do CEIP Fondo Nois, obtivo o terceiro posto. Na categoría de Primaria B, para 4º, 5º e 6º curso, Andrea Rivera Barcia, do CEIP O Cantel, logrou o primeiro premio, seguida de María Lorenzo Fernández, tamén do CEIP O Cantel, e Raquel Pichín Fernández, do Colexio do Pilar.
No apartado de Educación Secundaria Obrigatoria, de 1º a 4º da ESO, Iria Caselas Losada, do Colexio Martínez Otero, conseguiu o primeiro premio, converténdose ademais na autora da postal que levará a felicitación oficial do Concello de Foz por todo o mundo durante este Nadal. O segundo premio foi para Alba Moirón Basanta e o terceiro para Vega Mogo Luaces, ambas do Colexio Martínez Otero.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro domingo 28 de decembro na Casa da Cultura, tras a función de teatro infantil, arredor das 13.00 horas. Como novidade destacada desta edición, todas as postais participantes poderán visitarse nunha exposición aberta ao público na Biblioteca Municipal a partir do 30 de decembro, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de coñecer de preto o talento artístico da infancia e mocidade focense.