A Coruña honra ao burelés Rodrigo Maseda co título de Fillo Adoptivo

AMariñaXa
A súa familia recolleu a distinción nun emotivo acto en María Pita no aniversario do tráxico suceso do Orzán
Fillo-Predilecto-e-Fillos-Adoptivos-Rodrigo-Maseda-burela-2025
1 Feb 2025

Rodrigo Maseda, policía natural de Burela e un dos coñecidos Heroes do Orzán, foi homenaxeado a título póstumo pola cidade da Coruña co título de Fillo Adoptivo. A súa familia recibiu a distinción nun acto presidido pola alcaldesa Inés Rey no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita, coincidindo co 13 aniversario do fatídico suceso no que Maseda perdeu a vida xunto a outros dous axentes, Javier López e José Antonio Villamor, ao tratar de rescatar un mozo no mar.

“Os Heroes do Orzán deron a vida por protexer a outros. Son o máis alto exemplo de valentía e compromiso cos valores que nos definen como sociedade”, destacou Inés Rey durante a súa intervención. No acto participaron tamén membros da corporación municipal, representantes das forzas de seguridade e familiares dos homenaxeados, que interviñeron cunhas emotivas palabras en recordo dos tres policías.

A nai de Rodrigo Maseda, Isabel Lozano, recolleu a distinción en nome do seu fillo. Xunto a el, tamén foron honrados Javier López, recoñecido como Fillo Predilecto, e José Antonio Villamor, tamén nomeado Fillo Adoptivo.

Coa concesión destas distincións, a cidade da Coruña reafirma o seu recoñecemento e agradecemento ao sacrificio de Maseda e os seus compañeiros, cuxos nomes quedan xa unidos á historia da cidade xunto a outras figuras ilustres como a actriz María Casares ou o arquitecto Andrés Fernández-Albalat.

0.078838109970093