A Coral Polifónica Ribadeo actuará durante as Festas do Carme que se celebran en Ribadeo
Do 19 ao 21 de xullo celébranse en Porcillán as festas do Carme, que contan coa colaboración do Concello de Ribadeo.
O venres haberá festa verbena co Grupo Rubí a partires das 22.30 horas e despois terá lugar un tributo a Juan Pardo a cargo do grupo Xuntos pola Música, formado por Lys Pardo, Antonio Barros, iAlma y Fernando Calderón, e que interpreta grandes cancións compostas por Juan Pardo ás 00.00 horas.
O sábado ás 12.00 horas celebrarase unha homenaxe aos patróns maiores de Ribadeo, na confraría de pescadores. Ás 13:45 horas empezará a sesión vermú, co grupo Alaska, que tamén actuará na festa verbena xunto ao grupo La Diferencia.
E o domingo haberá misa solemne ás 16.00 horas na igrexa da Atalaia e a continuación empezará a procesión coa imaxe da Virxe do Carme ata o porto de Porcillán, para realizar a continuación a procesión marítima. Estará acompañada coa música do cuarteto tradicional Illa Pancha. De volta ao porto actuará a Coral Polifónica Ribadeo, que interpretará a Salve Mariñeira e outras pezas.
No acto de presentación participaron o alcalde, Dani Vega, e a asociación cultural Festas do Carme, que é a organizadora. O rexedor agradece o traballo realizado por este colectivo “para manter a tradición mariñeira que supón esta cita” á vez que desexa “uns felices festexos á xente do mar e a todas as veciñas, veciños e visitantes, que estes días se queiran achegar a Porcillán a gozar destas festas”.