A Coordinadora Eólica Así Non! rodeará este domingo o edificio da Xunta en Santiago

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Coordinadora Eólica Así Non! rodeará a Xunta este domingo, ás 12:00 horas, contra espolio eólico e enerxético do país
eolica asi non rodear xunta santiago portada
19 Apr 2023

A Coordinadora Eólica Así Non! convoca o pobo galego a participar nunha acción masiva baixo o lema Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa encordoando o edificio administrativo de San Caetano, o vindeiro domingo día 23 de abril, ás 12:00 horas. A mobilización coincide coa data límite estabelecida pola normativa vixente -25 de abril- para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel.

Eólica Así Non! diríxese ao pobo galego no seu conxunto e, nomeadamente, ás plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica a manifestar a súa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser inminente.

Con esta mobilización a Coordinadora exixe ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro e demanda a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación.

Fronte a esta situación, a Coordinadora Eólica Así Non leva máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo; o establecemento dunha moratoria e a restitución dos dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas.

A Coordinadora entende que no actual contexto é máis necesaria que nunca a paralización de todos os proxectos e que calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica no país debe pasar antes polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega e de preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontármonos ao reto climático, garantindo a participación dos comuneiros/as onde estean afectados montes veciñais.

A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos galegos do eido ecoloxista, sindical, cultural, veciñal e comunidades de montes, alerta das graves consecuencias que tería para o conxunto do país a aprobación desta enxurrada de máis de 75 macroproxectos eólicos, constituíndo en si mesma unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio.

Por iso denuncia a negativa inxustificada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a dialogar e fai un chamamento a saír novamente ás rúas sumándose a esta acción para manifestar con total rotundidade o rexeitamento do pobo galego ao espolio eólico e enerxético do país, por unha planificación eólica ao servizo do pobo, pola restitución dos dereitos de participación social, polo cumprimento rigoroso das leis ambientais e pola denegación da autorización dos macroproxectos eólicos en tramitación.

“Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país”.

A Coordinadora anima ás galegas e galegos a acudir á mobilización caracterizadas de eólicos ou con roupa branca simulando os eólicos. Tamén recomenda acudir algo antes das 12 horas do mediodía á porta principal de San Caetano para facilitar o traballo da equipo da organización encargado de dispoñer orde na cadea humana.

eolica asi non rodear xunta santiago

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18074297904968