A construción dun centro de día e un polígono industrial, principais medidas do PP do Valadouro
A construción dun centro de día e un polígono industrial son as principais medidas que o candidato de O Valadouro, José Manuel Lamela, inclúe no seu programa co que agarda devolver esta alcaldía ao Partido Popular. Así o explicou a última hora de onte nun mitin, no que tamén interviron a presidenta provincial, Elena Candia, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro.
Asemade, os populares rematarán as obras do cemiterio e impulsarán un plan de limpeza que inclúa os colectores do lixo, a rede de sumidoiros, as cuncas fluviais e as beirarrúas. E é que para Lamela é fundamental que os veciños dispoñan de servizos básicos e necesarios como poden ser un área recreativa, unha piscina de chapoteo e vivendas de protección oficial, que estarían situadas nos terreos no que se pretende facer unha cooperativa, ademais da recuperación de parques e xardíns.
O rural tamén ocupa un lugar estratéxico no programa. Deste xeito, os populares comprométense a continuar co saneamento e reparación de pistas e cunetas, así como a xestión de residuos. Desenvolverán o Plan Xeral de Ordenación Municipal e impulsarán a organización de eventos gastronómicos feiras e mercados, ademais de sinalizar as rutas de sendeirismo e puntos de interese turístico, recuperando as fervenzas do Escouridal, de Torez e Pazo de Onza.
Dado que este municipio conta tamén cunha alta porcentaxe de poboación avellentada, incrementará os servizos sociais coa posta en marcha dun local social de maiores e a potenciación dunha xuntanza anual da terceira idade, ao tempo que loitarán pola incorporación dun pediatra no centro de saúde.
Incrementarán as axudas a asociacións culturais, deportivas, ANPAs e centros escolares, as actividades extraescolares; fomentarán as escolas deportivas e deporte de base; establecerán bolsas para axudas de libros ou material escolar; recuperarán as actividades na pista de andadura, a radio municipal e os talleres infantís en período vacacional; mellorarán as instalacións deportivas e desenvolverán cursos que favorezan a obtención de créditos universitarios para os mozos.
Tamén habilitarán un plan de formación continuada dos voluntarios de Protección Civil para que o seu labor sexa primordial no pobo en actos as Festas patronais, mercado de primavera, feira gandeira, concentración de motos, etc.
Candidatura
- José Manuel Lamela Piñeiro
- Ana Isabel Rubal Balseiro
- Irene Gómez Lombardero
- Juan José García Pedreira
- Edgar Cao López
- Cesáreo Seara Balmayor
- Rocío Blanco Pliego
- Senén Castro Lorenzo
- Ginés Cao Rivera
- Jaime Fraga Expósito
- Alfonso Cabanas Fernández
Suplentes
- Prudencio Cuba Cuba
- Teresa Galdo García
- Luis Campo Díaz
- Rafael Castro Sifontes