A Confraría de San Cibrao aposta pola modernización tecnolóxica para reforzar a súa xestión

A Confraría de Pescadores de San Cibrao contará cun novo impulso grazas á resolución favorable dunha axuda da Consellería do Mar para desenvolver o proxecto “Modernización de recursos tecnolóxicos para a mellora da xestión dos recursos pesqueiros na Confraría de Pescadores de San Cibrao-Cervo (Lugo)”.
O importe total subvencionado ascende a 3.111,07 euros, dos que o 70% procede do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), con 2.177,75 euros, mentres que o 30% restante, 933,32 euros, será achegado pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo explican desde a entidade mariñeira, a iniciativa ten como obxectivo principal a adquisición de novos equipos informáticos, sistemas de almacenamento de datos e software actualizado. Con iso preténdese mellorar a eficacia e a eficiencia da xestión diaria, aumentar a competitividade da actividade pesqueira e avanzar cara un modelo sostible de desenvolvemento.
O proxecto, de carácter anual, tamén busca contribuír á chamada economía azul, apoiando o progreso das comunidades costeiras e acuícolas. Entre os resultados esperados destacan a mellora das competencias dixitais dos profesionais, a optimización da xestión administrativa mediante ferramentas modernas, unha comunicación máis fluída entre os membros da confraría e a recompilación de datos que permitan unha xestión sustentable da pesca.
Así mesmo, a confraría confía en que esta modernización sirva para impulsar accións de formación a través de cursos en liña sobre técnicas pesqueiras, sustentabilidade e seguridade no mar, ademais de introducir aos socios no uso das novas tecnoloxías.
Con esta iniciativa, a Confraría de San Cibrao dá un paso máis no seu compromiso coa sustentabilidade ambiental, a dixitalización e a mellora da competitividade dun sector fundamental para a economía local.