A Confraría de Pescadores de Celeiro impulsa con máis dun millón de euros a modernización, seguridade e calidade do sector

A Confraría de Pescadores de Celeiro vén de presentar, ao abeiro das axudas europeas FEMPA PE209G-2025 e a través da Consellería do Mar, tres proxectos colectivos cun investimento global subvencionado de 1.133.096,82 euros. O obxectivo é reforzar a seguridade laboral, optimizar a calidade do produto e modernizar as instalacións, contribuíndo así a unha pesca sostible nos eidos económico, social e ambiental.
O plan distribúese en tres liñas principais: un proxecto de seguridade (260.852,82 euros) para adquirir maquinaria e mellorar as condicións laborais; outro de calidade (554.432 euros) centrado na protección da biodiversidade mariña e na revalorización do peixe, en especial da pescada de Celeiro; e un de modernización (317.812 euros) destinado á conservación e mantemento das infraestruturas pesqueiras.
Un dos fitos recentes é a posta en marcha da nova nave de procesado e envasado, financiada ao 70 % polo FEMPA e ao 30 % pola Consellería, que permitirá levar ao mercado un produto fresco, de proximidade e listo para consumir, mellorando a competitividade do sector.
Durante unha recente visita ao porto, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse cos representantes pesqueiros e da entidade Puerto de Celeiro SA, interesándose pola realidade do sector e reafirmando o compromiso institucional coa súa competitividade e sustentabilidade.
A maiores, a confraría obtivo 20.913 euros para reforzar o servizo de vixilancia dos recursos da pesca costeira artesanal no período 2025-2026, unha medida destinada a combater o furtivismo e preservar bancos marisqueiros como os de percebe, fundamentais para a economía local.