A Confraría de Pescadores de Celeiro celebra os seus 100 anos

AMariñaXa
Realiza distintas actividades para conmemorar o centenario da entidade
confradia-celeiro-pescadores
5 Nov 2024

A Confraría de Pescadores de Celeiro celebra o Centenario da entidade e inaugura o mércores día 20 de novembro ás 11.00 horas o proxecto “CELEIRO: 100 anos de tradición Pesqueira: Confraría de Pescadores de Celeiro”

Tratase dun proxecto enfocado na promoción do patrimonio cultural Pesqueiro de Celeiro, a súa tradición e identidade. Isto supón a realización de actividades para a conmemoración dos 100 anos de traballo da confraría: Exposición permanente de maquetas de barcos pesqueiros emblemáticos do Porto de Celeiro, exposición de testemuñas en paneis e vídeos, exposición fotográfica, pinturas de patróns maiores, elementos únicos como a acta de Constitución da entidade, a medalla de ouro centenaria, máquinas antigas, e instalación dun reloxo de mareas (mareógrafo) practicamente único e deseñado con pezas da cerámica de Sargadelos… Todo co obxectivo, afirman, de dar a coñecer o complexo mar-industria de Celeiro a a súa importancia histórico-cultural.

Este acto previsto con motivo da efeméride comezará ás 11.00 horas coa apertura institucional e o discurso inaugural a cargo do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez. A Continuación, ás 11.30 horas terá lugar a inauguración do mareógrafo na praza do monumento ao náufrago (peza exclusiva elaborada en cerámica de Sargadelos), e a inauguración de exposicións diversas (fotografía, maquetas de barcos, audiovisual…), relativas a 100 anos de historia e tradición pesqueira. Xa ás 12.00 horas actuará o grupo musical Sons de Celeiro, e a continuación viño e aperitivos a base de petiscos nun día de homenaxe ao “sector Pesqueiro de Celeiro, traxectoria e tradición”.

0.19533610343933