A Confraría de Pescadores de Celeiro acolleu unha xornada divulgativa sobre a xestión e seguimento dos recursos mariños
A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo acolleu unha reunión para divulgar o denominado Proxecto colectivo de Co-xestión no ámbito territorial das confrarías de Celeiro e O Vicedo.
A responsable da Asistencia técnica de ambas as entidades pesqueiras foi a encargada de informar os asistentes sobre o citado proxecto que comprende accións de vixilancia de bancos marisqueiros e asistencia técnica.
As actividades principais do proxecto céntranse na xestión e seguimento dos recursos mariños nos bancos marisqueiros das demarcacións e ámbitos territoriais do Vicedo e Celeiro, con persoal técnico especializado para a elaboración, seguimento e cumprimento dos plans de xestión. O proxecto tamén contempla a conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, e nese sentido hai contrados 2 vixiantes guardapescas marítimos que se encargan da vixilancia nas citadas zonas.
O obxectivo principal do proxecto é a xestión sostible e integral dos recursos mariños, hábitats costeiros dos ámbitos territoriais das Confrarías de Celeiro e O Vicedo. Trátase de que as entidades pesqueiras poidan levar a cabo unha xestión que lles permita mellorar as condicións de vida dos profesionais do sector a longo prazo, á vez que aseguran o bo estado ambiental da zona e os seus recursos.
O importe total do proxecto é de 121.109,01 euros, na anualidade 2021 utilizáronse 31.073,74 euros, no 2022 60.023.52 euros; e para o 2023 hai previstos 30.011.76 euros.