A Confraría de Pescadores de Burela presenta dúas novas mostras polo seu centenario
Con motivo da conmemoración do seu centenario, a Confraría de Pescadores de Burela presenta dúas novas exposicións: “O Porto de Burela en Clave Feminina” e “Cuadros de Honra dos Patróns Maiores da Confraría”. Ambas as mostras inauguraranse este martes 8 de outubro, ás 13.00 horas no Salón de Actos da Confraría, e estarán dispoñibles para a súa visita de forma permanente.
A iniciativa “O Porto de Burela en Clave Feminina” busca poñer en valor o papel fundamental das mulleres no sector marítimo, destacando oficios como o de mariñeiras, peixeiras, conserveiras, redeiras ou estibadoras, todos eles imprescindibles para o desenvolvemento do sector. Pola súa parte, a exposición “Cuadros de Honra dos Patróns Maiores da Confraría” ofrece un percorrido histórico polos distintos representantes da entidade ao longo dos seus 100 anos de vida.
Con estas exposicións, a Confraría de Pescadores de Burela pretende dar visibilidade aos oficios marítimos e pesqueiros, fomentando o interese das novas xeracións por un sector que enfronta o desafío do relevo xeracional. Ambas actividades enmárcanse dentro do proxecto “Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela”, que conta co apoio do programa FEMPA da Consellería do Mar e foi tramitado no GALP A Mariña-Ortegal. O obxectivo deste proxecto é divulgar a cultura mariñeira, destacar o traballo das mulleres no mar, promover a integración social e reforzar o papel da Confraría nos seus 100 anos de historia.