A Confraría de Pescadores de Burela organiza o Campamento Mariñeiro

AMariñaXa
A actividade, que terá lugar entre o 22 e 23 de xullo, enmárcase no proxecto Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela
Campamento-mariñeiro Burela
17 Xul 2024

A Confraría de Pescadores de Burela organiza o Campamento Mariñeiro, unha actividade enmarcada no proxecto Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela, onde un grupo de 10 rapaces e rapazas se converterán en mariñeiros e mariñeiras, asistindo a un campamento durante os días 22 e 23 de xullo.

Os grumetes somerxeranse nas distintas dependencias da Confraría (Arquivo Histórico, Sala de Radio Costeira, Fábrica de Xeo) e tamén noutros puntos de interese do Porto de Burela (falla xeolóxica, Barco Museo, redeiras e redeiros, A Moncloa, lonxa de ABSA, etc.), poñendo en valor o patrimonio inmaterial e material marítimo-pesqueiro como elemento de reforzo da identidade territorial, dando a coñecer a  riqueza patrimonial da Confraría e do Porto de Burela.

Tamén haberá tempo para obradoiros de nós mariñeiros, actividades de realidade virtual, ruta en caiac ata a Igrexa de Coedo, actividades acuáticas na Praia de O Perdouro, etc. e vivirán unha  experiencia única pernoctando no Barco Museo Reina del Carmen!

O proxecto conta coa resolución favorable da Consellería do Mar para a concesión de axuda ao abeiro da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada polo GALP A Mariña-Ortegal, ao amparo da Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do  Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano  2024, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155A).

Entre outros obxectivos, o proxecto pretende divulgar a cultura mariñeira, poñer en valor os traballos do mar desenvoltos por mulleres, a integración social, o relevo xeracional e potenciar a labor social da Confraría de Pescadores de Burela nos seus 100 anos de historia.

0.19073009490967