A Confraría de Pescadores de Burela despide o seu Campamento Mariñeiro

AMariñaXa
Na última xornada, os participantes coñeceron a falla xeolóxica de Castrelo e a Igrexa de Coedo
Campamento-Mariñeiro-Confraría-de-Pescadores-de-Burela
25 Xul 2024

A Confraría de Pescadores de Burela despide o seu Campamento Mariñeiro, un espazo onde a rapazada da man do Patrón Maior, Basilio Otero, puido coñecer as xoias do Arquivo Histórico e Sala de Rádio Costeira ou a Fábrica de Xeo. Tamén puideron coñecer o oficio de redeiras e redeiros e incluso coser nas redes. Intercambiaron anécdotas cos vellos lobos de mar da Moncloa e a Cronista Oficial de Burela, presenciaron a única subasta inclusiva de España levada a cabo na lonxa de ABSA, desfrutando dun auténtico espectáculo de poxa de peixe variado.

Os grumetes achegáronse ás entrañas do único barco museo a flote de España, outra xoia histórica que alberga Burela, o “Reina del Carmen”, onde o capitán Lino explicou as peculiaridades do mesmo. Alí esta pequena tripulación cenou na popa, como acostumaban os vellos mariñeiros e mesmo tiveron o privilexio de durmir nos catres. Tamén houbo tempo para risas e complicidades  entre cantos, xogos, gafas de realidade virtual e obradoiro de nós mariñeiros.

Na última xornada, os participantes coñeceron a falla xeolóxica de Castrelo e a Igrexa de Coedo, facendo primeiramente unha ruta a pé a través do areal de O Perdouro e, máis tarde, unha ruta en kaiak, rematando con varios xogos acuáticos. Finalmente, tivo lugar unha valoración da actividade por parte de todo o grupo e tamén se fixeron entrega duns diplomas e agasallos, por parte do Patrón Maior, a alcaldesa de Burela e o Concelleiro do Mar, sendo o broche final da cita.

Dende a Confraría agradecen a colaboración do Concello que apoiou esta iniciativa e cedeu o barco museo. O Campamento Mariñeiro está enmarcado dentro do proxecto de Actividades Centenario da Confraría de Pescadores de Burela, que conta coa resolución favorable da Consellería do Mar. Con este proxecto pretenden divulgar a cultura mariñeira, poñer en valor os traballos do mar desenvoltos por mulleres, a integración social, o relevo xeracional e potenciar a labor social da Confraría de Pescadoras de Burela nos seus 100 anos de historia, entre outros obxectivos.

0.17177414894104